SEEDS en RURAL C

O programa de Rural C para o proxecto SEEDS en Monfero 2024 tivo como obxectivo o compromiso e a participación coa comunidade. Foi organizado en termos de coidado das personas e implicación das nosas veciñas, dándolles un fogar ás artistas para que se sentisen como na casa e mais parte da nosa comunidade durante a súa residencia.

O programa basouse na vida e nas actividades que desenvolve a comunidade de persoas veciñas vinculadas á asociación Rural C.

As veciñas foron as anfitrioas das participantes. Desta maneira propiciamos un proceso de convivencia e de intercambio de coñecemento.

Durante esta residencia, dende o 7 ao 18 de Marzo, participantes e anfitrioas desenvolveron conxuntamente un proceso creativo, investigación e proxecto.

As participantes viviron repartidas en tres casas en diferentes lugares. Cada unha das casas está vinculada a uns coñecementos:

  • Os Gotes. Creación de obxectos artísticos. Escultura, volume, forxa, obxectos encontrados. Paisaxe. Roteiros.
  • Enveande. Horta, compostaxe, apicultura, cultivo de alimentos, alimentos silvestres, fermentación e conservación.
  • Pousadoira. Tecidos, procesos da la, tear tradicional, tintura e estampación natural de tecidos. Horta. Decrecemento.

ACTIVIDADES

As actividades foron encaixando segundo as condicións meteorolóxicas, adaptándonos ao tempo e ao territorio.

Tutorías

Fixemos dúas tutorías. Unha grupal (en cada casa) ao comezo da residencia e outra individual cara o final. Nestas tutorías tentamos visibilizar o potencial creativo de cada participante e establecer posibilidades de cara a unha práctica sostible das artes.

Tarde de cine na escola de Taboada (Monfero)

Vimos unha selección de videos de Rural C e Fur Alle Falle relacionados co territorio, así como un previo do documental de Seeds que estamos a facer.

Presentouse unha versión preliminar ou borrador do documental a todos os artistas participantes no proxecto. O resultado foi excelente e quedaron moi contentos de como se mostrou a súa experiencia e traballo.

O 15 de marzo de 2024 O equipo de RuralC mantivo unha reunión específica sobre o documental co equipo de Oficinas do Convento na sede de RuralC. Na que se proxectou/presentou unha versión preliminar ou borrador do documental a Joao Rolaça como comisario e parte do equipo de Oficinas do Convento.

O 16 de marzo de 2024 Proxectouse/presentou unha versión preliminar ou borrador do documental a Noemí Ferreira como comisaria e parte do equipo de Quinta dás Relvas na sede de RuralC.

Ánimas salvaxes

O Fototrampeo como proceso artístico. Esta actividade fíxose en cada casa, por separado. A actividade consistiu en andar polos bosques e prados próximos ás casas, seguir os rastros de animais ou observar plantas ou lugares nos que facer timelapses, e colocar cámaras, deixándoas alí uns días. O resultado foron videos de animais e de persoas nas contornas da vivenda.

Obradoiro de baile tradicional galego

Actividade na que se impartiron coñecementos básicos sobre os intrumentos, os toques musicais e o baile tradicional galego.

Club de Andar

O club de andar é unha actividade usual da Asociación Rural C. Andar para coñecer a contorna e ás persoas que contigo camiñan. Desta, fomos até os arredores do Mosteiro de Santa María de Monfero da man do noso veciño Arturo. Tamén improvisamos un paseo nocturno para ver petróglifos.

Feira

Foi o evento final da residencia con actuacións de variedades, comida, música do lugar, e paseos.

Ao longo do día, as participantes e as anfitrioas presentaron ás veciñas e á comunidade as obras, investigacións ou os procesos experimentados feitos en cada unha das casas durante as residencias.

Os Gotes. Artistas e anfitrioas crearon unha escultura e unha performance: Short sight.

Pousadoira. Artistas e anfitrioas crearon unha canción e un videoclip: City girlz. Tamén fixeron obradoiros. As artistas ofreceron un sobre impresión botánica, e as veciñas un sobre procesamento da la, fiado con roca e a man, e feltro.

Enveande. Artistas, anfitrioas e veciñas crearon un happening consistente nun almorzo e menú comunitario ofrecido á comunidade e ás participantes. Ecosistema: dixerir a paisaxe.

Fixemos que as artistas se sentisen como na casa, facilitando procesos creativos nos que participaron a comunidade, as veciñas e mais as artistas. Ten sido unha experiencia poderosa, na que todas fomos unha familia

De seguido, algunhas das valoracións feitas polas artistas participantes sobre a súa residencia en Rural C Monfero, e que deixaron reflexadas na Evaluación do proxecto Seeds:

«Foi unha experiencia súper bonita! e estou moi contenta de ter podido participar nela e de ter coñecido tantas formas de facer arte e cultura en entornos rurais. Coido que aprendín moito e fíxome entender o mundo doutra maneira. Así que grazas por facelo 🙂 Coñecín moita xente marabillosa e fixen moita arte por todas partes grazas a elo». A.

«Os socios de Portugal e España foron moi complacentes en xeral, traballando con nós para mellorar as condicións ou os detalles ao longo do proceso. Un agradecemento especial aos socios españois polo sinceiro esforzo e interese, a súa ética de traballo e a carga de responsabilidade que levaron a cabo con grande éxito». N.

«Por outra banda, foi fermoso, enriquecedor e revelador como se organizou o proxecto de Monfero en canto ao coidado e implicación de moitos membros da comunidade da zona. Todos os produtos alimenticios e materiais que comiamos e utilizabamos eran locais e proporcionados na súa maioría polos veciños. Tiviemos a oportunidade de relacionarnos co territorio e os veciños dunha forma moi orgánica e acolléronnos como membros temporais da súa comunidade, intercambiando os seus moitos tipos de coñecementos con infinita xenerosidade. Se volvedes a organizar o proxecto, sen dúbida contaría con Rural C como socio, e tamén me nutriría da súa forma de facer tanto como fose posible». I.

«En canto á residencia en Monfero, sinceramente estou moi contenta. Era obvio que as persoas da organización están moi conectadas coa comunidade local e a queren e valoran moito. Puidemos aprender dos veciños (habilidades artísticas pero tamén unha forma de vivir e crear comunidade) pero tamén compartir os nosos propios coñecementos con eles. As actividades organizáronse con diferentes posibilidades en función do tempo e, en xeral, a nosa estancia alí foi unha experiencia realmente enriquecedora e inspiradora». A.

«O enfoque de Rural C para as tutorías individuais foi moi interesante e divertido. Grazas a Vanesa e Iñaki por pensar en nós as artistas e axudarnos nas nosas carreiras artísticas». C.

«Tiven a honra de coñecer e aprender das participantes e veciñas destas asociacións e o privilexio de coñecer Rural Contemporánea, unha asociación que incorpora os valores de sostenibilidade, colaboración e prácticas de coidado, liderada por persoas que poñen todo isto en práctica sen necesidade de publicitalo». I.

Publicado por fur alle falle

www.furallefalle.com

Deja un comentario